8M 2023

MANIFESTO 8M 2023

Outro 8 de marzo SOMOS O BERRO NECESARIO PARA CREAR IGUALDADE. Berramos FEMINISMO en oposición ao MACHISMO e a inxustiza. Berramos FEMINISMO para visibilizar á metade da poboación, para cambiar esa idea abstracta de muller por mulleres reais e concretas que transforman o mundo que nos rodea desfacendo estereotipos. Berramos FEMINISMO para construír espazos diversos, dende o persoal ata o político. Berramos feminismo contra todas as desigualdades. 

Desigualdades no mundo laboral con traballos peor remunerados ou traballos feminizados con soldos de miseria, peores pensións e contratos laborais. Desigualdades nas fendas salariais disparadas a partir do 36 anos, os teitos de cristal e a inexistente conciliación familiar. Desigualdades nos coidados de nenos e vellos que recaen nas mulleres e reducen as posibilidades laborais.
Desigualdade a sentirme ben co meu corpo ou a vestirme como queira sen ser xulgada, ou a sentir medo cando volto soa a miña casa. Desigualdade cando me chaman puta e aos meus compañeiros fillos de puta, amentando a súa nai, a unha muller para poder denigrar a un home.

Desigualdade cando non teño acceso ao aborto nos centros públicos do meu país. Ou cando pago un 10% de IVE por compresas e tampóns aínda que sexan artigos de primeira necesidade.

Desigualdade cando a pornografía denigra o meu corpo e a prostitución mantense nun limbo xurídico para non ver a escravitude sexual.
Desigualdade aquí e tamén fóra de aquí. Desigualdade en Afganistán onde as nenas non poden estudar ou en Irán onde as mozas non poden ir sen velo ou na guerra de Ucraína onde volvemos a ver o uso dos corpos das mulleres como arma de guerra, violando ou facendo escravas sexuais.
Por nós, e tamén por elas que están silenciadas, estaremos nas rúas e nos espazos públicos e privados, fortes e decididas a pesares dos comportamentos machistas que temos que aguantar na nosa vida cotiá.
E farémolo por as mulleres de hoxe pero tamén polas que veñen e polas que non están, tecendo as nosas redes para berrar feminismo, para crear igualdade.