Día da muller matemática

O día 12 de Maio celébrase o Día internacional das Mulleres Matemáticas. Para conmemorar este día o departamento de matemáticas (composto por mulleres na súa totalidade) realizou un mural no que se pode observar; mediante un grafo, a conexión das mulleres matemáticas do pasado coas do presente e as do futuro e a esperanza dun cambio definitivo (representado pola metamorfose das bolboretas) que outorgue por fin á muller o lugar que merece no campo das matemáticas e da ciencia en xeral.

Durante ese día os alumnos e alumnas do 12 de Outubro realizaron distintas actividades na clase de matemáticas : leron atentamente un relato relacionado con Theano e a proporción áurea e déronse conta de que este “caracol” dita as proporcións que deben ter as cousas para ser máis fermosas!! E que está presente tanto na xeometría como na natureza, e na nosa propia anatomía ... e así o comprobaron medindo as súas proporcións e descubrindo quen era o alumno ou alumna cuxas proporcións se aproximaban máis á proporción divina, ao cal se lle outorgou un diploma que certifica ter o rostro ou o corpo máis harmónico e proporcionado  (matematicamente falando).

Fixemos un xogo de maxia que ,como moitos otros, está baseado na numeración binarias pero neste caso combinámolo cun código de control de erros ou código de Hamming para facelo máis interesante.

Finalmente para pechar a sesión proxectamos o vídeo “Científicas en curto” onde mulleres matemáticas como Hipatia , Ada Lovelace e moitas outras contan en primeira persoa o difícil que foi para elas conseguir o lugar que se merecen nun mundo que “a priori” parecía reservado só aos homes.

Os obxectivos da actividade son dinamizar as matemáticas e inspirar a moitas máis alumnas a coñecer e explorar este fermoso mundo , fomentando un ambiente de traballo aberto, acolledor e inclusivo, e quen sabe? Se cadra una das mulleres matemáticas do futuro camiña agora polos corredores do noso instituto .

Grazas a todos os que colaborastes e participastes neste humilde proxecto, “Todos somos 12”.

  Galería de fotos